¿Que
é o Rexistro da propiedade intelectual?
Un instrumento de constancia oficial da titularidade dos dereitos de propiedade
intelectual sobre unha creación orixinal literaria, artística
ou científica ou sobre unha actuación ou producción das
contempladas na Lei de propiedade intelectual.
¿Que funcións ten o rexistro?
Corresponden ó rexistro territorial as seguintes funcións:
a) Tramitación e resolución das solicitudes de inscrición
e anotación, como tamén, de se-lo caso, a cancelación
e a práctica das que procedan.
b) Certificación e demais xeitos de publicidade dos dereitos, actos
e contratos inscritos no rexistro territorial.
c) Emisión de informes de carácter técnico sobre cuestións
referentes ás inscricións de dereitos, actos e contratos sobre
obras, actuacións ou produccións protexidas polo Real decreto
lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da
Lei de propiedade intelectual, cando sexan requiridos por xulgados, tribunais
ou outros organismos ou entidades públicas.
d) Arquivo e custodia dos documentos e materiais depositados.
¿Que finalidade ten o rexistro?
Protexe-la propiedade intelectual ó dar seguridade xurídica
sobre os dereitos que a integran e ofrecer unha proba cualificada sobre a
existencia e pertenza dos citados dereitos.
¿Que tipo de rexistro é?
É un rexistro de dereitos, non de obras, actuacións a produccións
en si mesmas, senón dos dereitos de propiedade intelectual que os autores
(creadores físicos das obras) e os titulares (ese mesmo autor ou outra
persoa física ou xurídica que adquirira mortis-causa ou por
cesión dalgún ou tódolos dereitos de explotación
da obra) teñen sobre aquelas obras, actuacións ou produccións.
¿Que obxecto ten o rexistro?
A inscrición dos
dereitos relativos a obras, actuacións a produccións protexidas
pola Lei de propiedade intelectual e os convenios internacionais ratificados
por España.
A inscrición dos actos e contratos de constitución, transmisión,
modificación e extinción relativos a aqueles dereitos de propiedade
intelectual.
¿Que
obras poden acceder ó rexistro?
As creacións orixinais literarias, artísticas ou científicas,
abarcando estas categorías, ademais das prototípicas (textos
literarios e científicos, musicais e plásticas), obras de moi
diversa e novidosa tipoloxía: audiovisuais, programas de ordenador,
bases de datos, proxectos e deseños de arquitectura e enxeñería,
multimedias, páxinas web…
Ademais pódense rexistrar tamén dereitos de propiedade intelectual
sobre fotografías, actuacións de artistas, intérpretes
ou executantes, produccións (fonográficas e de gravacións
audiovisuais) e determinadas edicións editoriais.
¿Que procedemento supón o rexistro?
Solicitude formal de inscrición dos dereitos de propiedade intelectual.
Cualificación das solicitudes e exame da legalidade dos actos e contratos
relativos ós dereitos inscribibles, requirindo a corrección
de defectos cando proceda.
Resolución das solicitudes denegando ou practicando a inscrición
de dereitos.
¿Que persoas están lexitimadas
para solicita-las inscricións no rexistro?
Os autores e demais titulares orixinarios de dereitos de propiedade intelectual
con respecto á propia obra, actuación ou producción.
Os sucesivos titulares de dereitos de propiedade intelectual se se producisen
transmisións, mortis-causa ou intervivos, polo falecemento do autor
ou por acordos expresos de cesión de dereitos.
¿Que requisitos son esixibles para acceder
ó rexistro?
1. Achega dun exemplar da obra, encadernado, paxinado e asinado (a excepción
das plásticas, nas que será suficiente a súa identificación
a través de fotografías) e dunha copia dos documentos identificativos
de autores e titulares de dereitos.
2. Cumprimenta-los impresos oficiais relativos á identificación
do autor e titular de dereitos, e ás características da obra.
3. Aboamento das taxas correspondentes conforme ás contías establecidas
no art. 20 da Lei 66/1997, de medidas fiscais, administrativas e da orde social,
do 30 de decembro, actualizada polo artigo 67 da Lei 23/2001, do 27 de decembro,
de presupostos xerais do Estado para o ano 2002.
¿Que efectos ten a inscrición
rexistral?
Efectos probatorios derivados da presunción normativa que establece
que salvo proba en contrario dos dereitos, existen e pertencen ó seu
titular na forma determinada no rexistro.
Efectos publicitarios derivados do carácter público do rexistro
que posibilita que calquera persoa interesada poida ter coñecemento
dos datos inscritos.